Quen somos

O COETG/AETG é o fogar común dos enxeñeiros e enxeñeiras de telecomunicación, profesionais das Tecnoloxías da Información e a Comunicación -TIC-, pero tamén o espazo ao servizo da sociedade galega en todo o relacionado coas novas tecnoloxías e o que éstas proporcionan para a mellora da calidade de vida das persoas.

É un espazo no que compartir ideas, iniciativas, proxectos co obxectivo de cohesionar a comunidade de profesionais TIC, que ademais asesora, protexe e defende os intereses dos enxeñeiros e enxeñeiras de telecomunicación.

Contamos tamén cos servizos do Colegio Oficial e a Asociación Española de Ingenieros de Telecomunicación -COIT e AEIT- e toda a súa rede, a través da estrutura territorial a nivel nacional.


A sede do COETG atópase na rúa Juana de Vega número 4, 1º I de A Coruña (15003). O horario de atención ao público é de 9 a 17 horas de luns a venres, de outubro a maio, e de 8 a 15 horas de xuño a setembro. O teléfono é o 981 919 300 e o enderezo electrónico administracion@coetg.gal

A sede da AETG atópase no campus universitario de Vigo, área comercial praza Miralles local B3 - oficina 2 de Vigo (36310). O horario de atención ao público é de 9.30 a 14.30 horas de luns a venres. O teléfono é o 986 465 234 e o enderezo electrónico administracion@aetg.gal.


O COETG e a AETG foron constituídos co obxecto de velar polo prestixio moral, social e técnico do colectivo, fomentar lazos de unión e axudar no desenvolvemento da actividade profesional dos enxeñeiros e enxeñeiras de telecomunicación. Tamén coa finalidade de contribuír ao desenvolvemento e progreso de Galicia a través da difusión e potenciación das TIC, xestionar disposicións legais para o desenvolvemento e eficacia do exercicio da profesión e atender as consultas da Administración e da cidadanía nas áreas TIC.

Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (COETG)

O COETG naceu en 2004, como unha demarcación territorial do Colegio Oficial de Ingenieros de Telecomunicación, corporación de dereito público de ámbito estatal fundada en 1967, recoñecida e amparada pola Constitución Española. É unha institución que cohesiona a profesión desenvolvendo liñas de actuación conxuntas que destacan o papel do enxeñeiro de telecomunicación e está orientada á sociedade civil, poñendo á súa disposición o seu coñecemento.

A través do seu visado e verificación, o Colexio garántelle á cidadanía que os traballos realizados polo enxeñeiro adecúanse ás disposicións xerais e corporativas vixentes. Isto enténdese tamén coma un selo de calidade.

O máximo órgano de toma de decisión do Colexio é a súa Asemblea, que se reúne periodicamente e da que forman parte todos os colexiados residentes en Galicia. No día a día,  as funcións executivas, de dirección e de administración, recaen na Xunta de Goberno. O seu mandato renóvase cada catro anos.

Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación, Galicia

Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (AETG)

Fundada en 1991, a AETG é unha asociación sen ánimo de lucro que representa ao colectivo de enxeñeiros de telecomunicación en Galicia e contribúe á difusión das TIC, á potenciación da actividade profesional dos socios e á súa integración nos mercados de traballo. Ademais atende as consultas das administracións públicas, corporacións oficiais ou particulares nas actividades relacionadas co sector. Realiza informes e estudos técnicos e establece e fomenta relacións coas entidades análogas.

Conta cunha Xunta Xeral, integrada por todos os socios, que ten a máxima capacidade de decisión. Súa é a responsabilidade de designar unha Xunta Directiva que se encargue da xestión diaria tamén por período de catro anos, ao igual que no Colexio.